O CiMUS abre camiño a novos tratamentos contra a calcificación vascular patolóxica

O grupo de investigación desenvolve estratexias terapéuticas para combater a principal causa de morte en todo o mundo

As enfermidades cardiovasculares son, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), a principal causa de morte en todo o mundo. Unha destas patoloxías é a chamada calcificación vascular, que investiga o grupo que dirixido por Ricardo Villa Bellosta dende o CiMUS da USC. Esta doenza, consistente no depósito de calcio na parede das arterias e nas válvulas do corazón, desempeña un importante papel no desenvolvemento da enfermidade cardíaca e vascular. “No noso grupo do CiMUS da USC conseguimos identificar o itinerario metabólico (“o camiño”) polo que se sintetiza o principal inhibidor da calcificación vascular”, explica Ricardo Villa. 

O estudo desta enfermidade, que se asocia cunha serie de doenzas e afeccións xenéticas comúns como a diabetes, a enfermidade renal crónica e o envellecemento, e a súa abordaxe dende o enfoque terapéutico inclúense na plataforma de micro-mecenado da USC Sumo Valor, que busca a participación cidadá para recadar fondos a través de doazóns. 

Publicidade

Inhibir o depósito de calcio na parede dos vasos sanguíneos, a clave

O calcio e o fosfato combínanse para sintetizar hidroxiapatita, o principal compoñente do óso e doutros tecidos duros. “Este feito é bo e necesario para a nosa supervivencia, pero cando a hidroxiapatita se acumula nos tecidos brandos constitúe un problema de saúde de grandes dimensións, sobre todo se se aglomera nos vasos sanguíneos pois, co tempo, desemboca en enfermidade cardiovascular”, sostén o investigador do CiMUS: Como medida de protección, o noso corpo sintetiza inhibidores que impiden que o calcio se asente na parede dos vasos sanguíneos.

Con todo, durante o envellecemento e en certas enfermidades como a diabetes e a enfermidade renal crónica, o proceso de depósito de calcio nos vasos sanguíneos vese acelerado. Isto ocorre, en parte, debido á perda de síntese de inhibidores. “Neste proxecto de investigación, apunta Ricardo Villa Bellosta, temos previsto desenvolver varias estratexias que permitan aumentar a síntese deste inhibidor de forma interna e abrir así a porta ao desenvolvemento de diversos tratamentos que poderán mellorar a calidade de vida da nosa sociedade”. 

Implicación social no avance da ciencia

O proxecto de micro-doazóns, impulsado desde o CiMUS da USC, forma parte da plataforma SUMO Valor da USC, a iniciativa coa que a universidade compostelá quere potenciar a interacción coa sociedade e crear un espazo de encontro que involucre empresas, institucións e sociedade civil nos proxectos que desenvolve a en materias como investigación, cultura ou deportes. O estudo dirixido por Ricardo Villa Bellosta exemplifica a aposta desta plataforma polo desenvolvemento da ciencia en campos como a biomedicina e a asistencia sanitaria.

Calquera persoa física ou xurídica pode realizar unha micro-doazón a través desta plataforma enchendo un formulario en liña que deberá cumprimentar vía web para que poida ser aceptada pola USC. Desde o punto de vista da persoa doante, ademais da participación directa na investigación, esta doazón ten vantaxes fiscais xa que, ao dirixirse a un proxecto de investigación, permite deducir un 100% dos primeiros 150 euros doados. Se xa se achegou diñeiro para calquera outra causa, aínda se pode desgravar o 55% do que se doe; e as empresas poden deducir ata un 40%.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A matemática Elena Vázquez Abal, Premio de Divulgación da Academia de Ciencias

A gañadora por unanimidade pon en valor o recoñecemento ás mulleres que comunican e o uso do galego na profesión

A primeira muiñeira con notación musical está datada en 1786

Unha tese da USC analiza a danza e composición musical tradicional como un "elemento identitario" da Galicia do século XIX

Como rexenerar o monte galego para resistir o cambio climático? Así o investigan na USC

Un grupo de Lugo proba distintas combinacións para a introdución de especies animais e vexetais en Quiroga, Abegondo e Cervantes

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico