Un tren de borrascas traerá abundante chuvia e descenso térmico a Galicia na ponte de maio

A vindeira semana estará marcada pola alta probabilidade de precipitacións en todo o territorio, con temperaturas que non superarán os 15 graos

Abril despedirase con abundante chuvia e un acusado descenso térmico en Galicia. A inestabilidade non será exclusiva desta fin de semana, senón que se estenderá —como mínimo— ata o 1 de maio, Día Internacional dos Traballadores e festivo nacional. Segundo Meteogalicia, será unha xornada marcada por unha probabilidade de chuvia de ata o 80% e con temperaturas que roldarán os 12 graos de máxima. A incerteza aumenta de cara á primeira fin de semana de maio, na que se prevé un lixeiro aumento das temperaturas pero que, de momento, tamén parece vir marcada por unha elevada inestabilidade. Polo de pronto, o venres 3 —última día do que Meteogalicia ofrece datos— as probabilidades de precipitacións situaranse nun 70%. O responsable de inestabilidade que se instalará en Galicia polo menos unha semana é un tren de borrascas atlánticas.

Despois de varias xornadas de tempo estable, con temperaturas máis propias do verán e cos termómetros chegando incluso aos 30 graos, a chuvia, o frío e incluso a neve regresan a Galicia con forza. Este venres xa será unha xornada de inestabilidade polo achegamento dunha borrasca situada ao norte da península. Malia que se agarda que durante a mañá as chuvias sexan máis ben escasas en todo o territorio, a xornada de tarde complícase: as precipitacións serán abundantes e poderán vir acompañas de sarabia e aparello eléctrico. Unha masa de aire frío tamén será a responsable do acusado descenso térmico que está a vivir Galicia estes días, con temperaturas máximas que roldarán os 15 e os 18 graos nas cidades galegas e con mínimas que caen ata os 8 graos. Como consecuencia, a cota de neve baixará ata situarse nos 1.200 metros.

Publicidade

Tanto o sábado como o domingo serán dous días de marcada inestabilidade. Galicia estará baixo a influencia das baixas presións e as borrascas atlánticas seguirán enviando frontes moi activas ao longo de toda a fin de semana. O máis característico dos vindeiros dous días é un lixeiro descenso das temperaturas, cunha media de temperaturas máximas que non superarán os 14 graos. Tamén se producirá unha baixada da cota de neve, que se situará durante o sábado nos 1.000 metros. Ao longo do domingo tamén están previstos chuvascos treboentos, especialmente no norte de Galicia, que irán collendo forza durante a tarde, onde descargán no interior do territorio. As temperaturas manteranse frescas para a época do ano.

A incerteza aumenta conforme avanzan os días, pero Meteogalicia agarda que a vindeira semana o territorio continúe baixo a influencia das baixas presións, que continuarán enviando frontes e, por tanto, chuvia e frío. Dende o portal meteorolóxico eltiempo.es agárdase que o martes 30 de abril entre por Galicia outra fronte asociada a unha portente borrasca atlántica pero que se desprazaría rapidamente cara ao leste. O mércores, día festivo, espérase que o centro das baixas presións estea situado moi preto do noroeste peninsular, cunha bolsa de aire frío e un aumento aínda maior da inestabilidade. Malia que dende eltiempo.es esperan que cara a finais da vindeira semana suban lixeiramente as temperaturas, o cómputo final é que teremos uns días moi frescos para a época do ano e que non superarán os 15 graos de máxima.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O tempo cambiará de maneira radical en Galicia: volve a chuvia e caen as temperaturas 10 graos

A partir do luns, unha fronte fría asociada a unha borrasca atravesará a comunidade

Galicia rexistra máis de 100 raios en apenas 24 horas

A maior concentración de descargas eléctricas durante o 1 de maio produciuse en Vilagarcía de Arousa, sobre todo na franxa do mediodía

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península