Galicia no informe europeo do clima: récords de calor, incendios e anomalías nas chuvias

O documento foi publicado este luns por ser o Día Mundial da Terra e esgrime fenómenos extremos como o "estrés térmico"

‘Estrés térmico extremo’, ‘anomalías nas precipitacións’, ‘calor mariño’ e ‘incendios forestais‘ son algunhas das palabras clave do último informe do Estado do Clima en Europa, elaborado polo Servizo de Cambio Climático de Copernicus e a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM). Neste documento, que é o terceiro dunha serie anual, evidéncianse os retos climáticos aos que se enfronta Europa, así como os fenómenos extremos que ocorren no planeta e que se están concentrando nas últimas décadas. Para empezar, é o continente que se quenta a un ritmo máis rápido que os demais. Os mapas reflicten que 2023 foi un ano moi cálido en territorios como Galicia, que presentan tamén un potencial incremento das vagas de calor no mar e un aumento das precipitacións. O informe foi publicado este luns 22 de abril por mor do Día Mundial da Terra, unha xornada marcada pola ONU e que este ano abandera o lema “Planeta versus Plásticos”.

As temperaturas estiveron por enriba do normal en 11 dos 12 meses do ano pasado. Setembro foi o mes máis cálido dende que existen rexistros e o documento de Copernicus e a OMM apunta que hai unha tendencia á alza do número de días cun “estrés térmico” en Europa, que se refire á sensación de malestar que se experimenta cando o organismo realiza sun sobreesforzo para conservar a temperatura interna. No mapa da clasificación das temperaturas medias en 2023 obsérvase, en cor vermella, como este foi un ano de cifras extremas para Galicia. Como consecuencia destes eventos calorosos, aumentan os impactos sobre a saúde humana. O informe evidencia que a mortalidade relacionada coa calor incrementouse un 30% nos últimos 20 anos no 94% dos países estudados. A Comisión Europea afirmou que este documento “pon de manifesto a alarmante tendencia ao aumento das temperaturas e os efectos do cambio climático en toda Europa”.

Publicidade

Copernicus destaca que os días de estrés térmico extremo (entre 38 e 46 graos) superaron os 80 no sur do territorio español; ao mesmo tempo, os días de frío van a menos. “A crise climática é o maior desafío da nosa xeración. O custo da acción climática pode parecer alto, pero o custo da inacción é moito maior. Como amosa este informe, debemos aproveitar a ciencia para proporcionar solucións para o ben da sociedade”, considerou a secretaria xeral da OMM, Celeste Saulo. E é que o ano 2023 pechou cunha temperatura media do planeta de 1,3 graos máis en comparación cos niveis preindustriais. En Europa, a anomalía foi de 2,3 graos. “Dende 1970, a calor extrema é a principal causa de mortes relacionadas co tempo e o clima no continente”, apunta o informe.

Máis calor mariño, menos xeo

Na misma liña, en 2023 a temperatura media do océano foi a máis cálida rexistrada. O Atlántico que baña as costas galegas acadou os valores máis altos. O informe sostén que a temperatura estivo 0,55 graos por enriba do promedio. No Atlántico nororiental, en xuño, chegouse a superar os 1,76 graos da media e durante todo o verán producíronse vagas de calor mariñas. Estes fenómenos poden ter grandes impactos nos ecosistemas e a biodiversidade, así como consecuencias socioeconómicas. “As temperaturas da superficie do mar (TSM) máis cálidas estiveron asociadas a vagas de calor durante o verán en grandes sectores do Atlántico Norte”, alerta o informe presentado este luns.

Co aumento da temperatura do aire en verán os Alpes perderon o 10% do seu volume en dous anos tras unha “acumulación invernal inferior ao promedio”. Estes eventos están directamente relacionados co cambio climático e dende mediados do século XIX as cadeas montañosas perden xeo.

As augas mariñas que bañan as costas galegas acadaron o seu valor máximo de temperatura rexistrada en 2023. Foto: Informe do Estado de Clima (2023)

Máis precipitacións

Por outra banda, o ano pasado choveu máis do normal. O informe de Copernicus sostén que choveu un 7% máis en Europa. Os caudais dos ríos estiveron excepcionalmente altos, sobre todo en decembro. Anna Cabré, científica do clima asociada á Universidade de Pensilvania (EEUU), apuntou que que Europa se quente rapidamente implica máis calor e eventos meteorolóxicos extremos como chuvias, secas e incendios. Por iso se produciu un récord de produción de electricidade a través das enerxías renovables en Europa, que supuxo un 43% do total fronte ao 36% do ano anterior. Segundo sostén o informe, 2023 foi o ano máis seco en zonas do sur da península ibérica. No mapa que representa as anomalías nas precipitacións, obsérvase que na comunidade galega choveu de máis. Segundo un informe do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, no último trimestre do ano pasado caeron máis de 1.000 litros por metro cadrado en Santiago de Compostela. En Europa, un total de 1,6 millóns de persoas se viron afectadas polas inundacións. Isto supuxo o 81% das perdas económicas polo impacto do clima no continente.

Anomalías nas precipitacións en Europa en 2023. Foto: Informe do Estado do Clima de Europa

Os incendios forestais

Un dos elementos gráficos que acompañan o informe climático de Europa é un mapa interactivo dos fenómenos extremos en 2023, no que se enmarcan os incendios forestais. O primeiro gran lume do ano pasado tivo lugar o 23 de marzo en Valencia, e, posteriormente, iniciáronse outros en Galicia e Asturias. Copernicus indica que isto deu como resultado unhas “emisións de incendios superiores á media en marzo para toda a Unión Europea”. A tempada de lumes forestais de 2023 foi a cuarta máis grave rexistrada na UE, posto que se produciron os lumes en Grecia, o episodio máis grande rexistrado con arredor de 96.000 hectáreas calcinadas. Os últimos veráns son testemuñas dun aumento do potencial dos incendios forestais. E o sucinto informe feito público polo Día da Terra apunta que o clima ten un “papel fundamental” na determinación do risco das queimas.

Todos os datos que esgrime o documento elaborado por Copernicus e a OMM baséanse en datos de 2023, con todo, apunta unha tendencia clara que continúa este ano. Os primeiros meses de 2024 consideráronse moi cálidos en Europa e agárdase que o vindeiro verán volva traer temperaturas e fenómenos climáticos extremos.

Zonas queimadas de Europa en 2023. Foto: Informe do Estado do Clima de Europa.
Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Praga de moscas en 21 concellos galegos: as causas dunha invasión que vén para quedar

As variacións bruscas de temperatura e o cambio climático son factores que inflúen na multiplicación dos insectos

Atención, alérxicos: Galicia rexistrará niveis “moi altos” de pole esta fin de semana

As concentracións de grans de bidueiro serán especialmente elevadas entre o venres e o sábado, cunha drástica diminución o luns

Os ventos do suroeste arrastran unha nova masa de po africano a Galicia

A chegada dunha fronte asociada á borrasca Karlotta limpará o aire e evitará que o episodio se prolongue máis dun día

2023, o ano máis cálido dende que hai rexistros

A estimación ten en conta as variacións rexistradas na temperatura do aire, a cobertura de xeo mariño e as variables hidrolóxicas a escala mundial