Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea

As Líridas volven un ano máis ao hemisferio norte para adornar os ceos. Entre o 16 e o 25 de abril deste 2024, a chuvia de meteoros procedente da cola do cometa Thatcher (C/1861 G1) volve irromper na Terra. Todo apunta a unha difícil visión do fenómeno astronómico dende Galicia, pois o seu máximo coincide coa chegada da lúa chea.

Estes meteoros que se poden ver no ceo como estrelas fugaces son os fragmentos dun cometa descuberto por A. E. Thatcher en 1861, cun período orbital arredor do Sol dunha vez cada 415 anos. Non obstante, non volverá ao sistema solar interior (Mercurio, Venus, Terra e Lúa) ata o ano 2283, aínda que isto non impedirá a visión desta chuvia de estrelas.

Publicidade

Como todos os anos por estas datas, a Terra atravesa un anel poboado con fragmentos (o que se coñece como meteoros) desprendidos deste cometa. Cando un destes anacos entra en contacto coa atmosfera terrestre, calcínase pola fricción do aire, creando así o resplandor luminoso que se coñece como meteoro ou estrela fugaz.

A observación

As Líridas adoita ofrecer entre 5 e 20 meteoros por hora, máximo 30, viaxando a unha velocidade de 49 kilómetros por segundo durante varios días. Normalmente é un fenómeno discreto, mais houbo anos nos que a taxa de actividade incrementouse en máis de 100 meteoros por hora, aínda que non se pode saber en que ano se producirán estes “estalidos”. En 1803, os astrónomos rexistraron ata 700 meteoros por hora. Un dos máis intensos e recentes das Líridas foi en 1982, polo que non se espera outro ata dentro dun par de décadas.

Hai rexistros da existencia desta chuvia durante os últimos 2.600 anos. A observación máis antiga deste fenómeno data do ano 687 a.C. e consérvase no libro Crónicas de Zuo Zhuan, unha das principais publicacións da prosa chinesa clásica.

O radiante das Líridas, a constelación de Lyra. Foto: Observatorio Astronómico Nacional
O radiante das Líridas, a constelación de Lyra. Foto: Observatorio Astronómico Nacional

Pero, por que Líridas? O punto onde se orixinan todas as estrelas fugaces denomínase “radiante” e a súa localización utilízase para nomear á chuvia de estrelas. Neste caso, as Líridas teñen a súa radiante na constelación de Lyra.

As Líridas do 2024

Segundo o Observatorio Astronómico Nacional e o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago (USC), o 2024 será desfavorable para a observación das Líridas, posto que o seu pico máximo se producirá moi próximo á lúa chea de abril. Concretamente, o auxe da actividade produciuse o día 22 arredor das 9.00 horas, aínda que a chuvia de estrelas se poderá ver ata o día 25. Con todo, na noite do 23 ao 24 de abril producirase a lúa chea, polo que a iluminación procedente do satélite dificultará tamén a visión da chuvia.

Con todo, para ver as Líridas fai falta un lugar de observación que proporcione un ceo escuro, sendo este o principal requisito. É preferible velas dende un lugar con poucos obstáculos visuais e sen instrumentos ópticos que limiten o campo de visión.

Aínda que as Líridas parecen vir da constelación de Lyra, pódense ver en calquera parte do ceo. Convén dirixir a mirada cara asi zonas máis escuras, na dirección oposta á posición da Lúa se a observación se leva a cabo con esta presente. O máis cómodo é tombarse e esperar a que a vista se acostume á escuridade para poder contemplar este fenómeno.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Praga de moscas en 21 concellos galegos: as causas dunha invasión que vén para quedar

As variacións bruscas de temperatura e o cambio climático son factores que inflúen na multiplicación dos insectos

Unha viaxe ao pasado de Galicia: 4.000 anos de historia nun mapa interactivo

Chronas é unha ferramenta web con máis de 50 millóns de puntos de datos que abranguen dende o 2000 a. C.

Médicos galegos diagnostican un raro caso de apendicite esquerda

É unha patoloxía pouco frecuente que tan só se dá en 1 de cada 500 nacementos e débese a unha malformación intestinal

Galicia rexistra máis de 100 raios en apenas 24 horas

A maior concentración de descargas eléctricas durante o 1 de maio produciuse en Vilagarcía de Arousa, sobre todo na franxa do mediodía