Venres 29 Marzo 2024

O mapache, un devorador que avanza polo Miño

O caso do mapache (Procyon lotor) é un claro exemplo de que non sempre é bo deixarse levar polo aspecto dócil e amable dos animais. Uns rasgos moitas veces erróneos, creados a través da ficción, e que deturpan a realidade. Non, o mapache non é como o contan en Pocahontas.

Se o ser humano non tivera a idea de facelo cruzar o Atlántico, posiblemente seguiría vivindo, relativamente tranquilo, en América. Mais como adoita acontecer cos problemas das especies exóticas invasoras, alguén criu que era boa idea sacalo do seu lugar. O mapache chegou á península Ibérica como reclamo para zoos, e incluso como mascota.

Publicidade

Unha fuga dun zoo de Lugo provocou que comezasen a estenderse polo Miño

E pouco tardou en converterse nun problema. Hai varios anos, debido a un temporal que derrubou o valado onde estaban confinados, fugáronse dous machos e unha femia do parque de Marcelle, en Lugo, e crese tamén que algúns particulares decidiron soltar aos animais que tiñan como mascota. E comezaron as complicacións, sobre todo, arredor do río Miño, onde se fixo forte grazas a que tiña unhas condicións propicias para prosperar: alimento e falta de competencia.

Segundo explican desde a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta, o mapache “provoca danos importantes sobre as especies ligadas aos cursos dos ríos e ten unha gran capacidade colonizadora”. E recoñecen preocupados, que “é sen dúbida unha gran ameaza para a conservación da biodiversidade autóctona”. Está incluído nos catálogos español e europeo de especies exóticas invasoras. En países como Alemaña, o problema ten unhas dimensións importantes, con máis dun millón de animais espallados polo país.

A presenza do animal en Galicia podería ter a súa orixe nunha fuga do parque de Marcelle.
A presenza do animal en Galicia podería ter a súa orixe nunha fuga do parque de Marcelle.

Baixo a súa aparencia dulcificada pola ficción hai un mamífero omnívoro e moi oportunista, que se alimenta de todo tipo de presas se ten opción. Devora niños de aves acuáticas e mariñas, invertebrados autóctonos e ata sapoconchos. E, tal e como recordan desde o ente autonómico, “é un vector de enfermidades, como a rabia, que pode transmitir a animais domésticos e incluso ao ser humano. Do mesmo xeito, podería impoñerse na competencia con predadores autóctonos, como o teixugo, ameazando a esta especie.

Nestes últimos anos, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza impulsou varias campañas de erradicación, sobre todo nos entornos protexidos dos ríos Miño, Parga, Landra e Támoga, a zona máis afectada. Desde agosto de 2017, está en marcha unha nova campaña nos espacios naturais xa mencionados, e tamén nos do Eume, Tambre e Ulla, así como as zonas limítrofes. Houbo tamén actuacións no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, a onde chegaron exemplares desde o norte de Portugal.

A notable presenza do mapache evidénciase nos avisos recibidos mediante a Rede de Alerta Temperá de Especies Exóticas Invasoras, deseñada para recoller coa maior celeridade posible este tipo de casos e conseguir así unha resposta rápida para a erradicación. En setembro de 2012 identificouse nos términos municipais de Outeiro de Rei e Lugo un núcleo de poboación, e mediante campañas de trampeo realizadas nos anos seguintes conseguiuse capturar máis de 40 exemplares, segundo os datos aportados pola Xunta.

Outro dos avisos, en Raíces (Ames), en xullo de 2015, localizou un exemplar illado, “probablemente de orixe doméstica”, segundo observa a consellería de Medio Ambiente. Nese mesmo ano, dous exemplares foron atropelados en Xestoso (Monfero), preto das Fragas do Eume, e en Nantón (A Baña).

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A maioría dos mamíferos macho non son máis grandes que as femias

Tras comparar as masas corporais de ambos sexos en 429 especies constatouse que en máis da metade dos casos o tamaño é moi similar

Así afecta o eucalipto á biodiversidade na illa de Tambo

Un estudo coordinado por Adega demostra que as áreas de maior riqueza natural son nas que hai unha menor presenza de 'Eucalyptus globulus'

Un biológo galego gaña un premio internacional pola súa tese sobre a fauna do Sáhara e Sahel

André Vicente Liz estudou máis de 100 especies de vertebrados para desenvolver estratexias de conservación da biodiversidade

Por que o comportamento homosexual é tan común en mamíferos?

Unha análise filoxenética intenta dilucidar a orixe e función deste fenómeno