A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, anunciou este mércores unha proposta lexislativa para prohibir as redes sociais aos menores de 13 anos en todos os Estados membro da Unión Europea e permitir un acceso con restricións ata os 15. Así o compartiu ante o Parlamento Europeo, onde engadiu que dende os 13 aos 15 anos só se permitirán “minicontas” creadas e supervisadas polos proxenitores. Ademais, poderíase estender a outros servizos como os videoxogos e os chatbots de intelixencia artificial.
O proxecto foi bautizado como EU Kids Act e será presentado o xoves 17 de setembro. Ao contrario do que ocorre coa Lei de Servizos Dixitais (DSA), usada xa para abrir casos contra Meta e TikTok, o novo borrador trata de atacar ás características que incentivan o uso excesivo das plataformas, como o deseño adictivo e os sistemas de retención.
Xa existen antecedentes desta normativa a nivel internacional: por unha banda está Australia, o primeiro país do mundo en aprobar unha prohibición nacional de redes sociais para menores de 16 anos en decembro de 2025. Por outra, Noruega, seguindo a franxa de idade, a mesma que persigue España dende febreiro de 2026.
Os límites da lei
Con todo, existe un problema: para facer cumprir un límite de idade, hai que saber a idade do usuario. Iso traería consigo unha recompilación de información persoal que choca coas leis de privacidade establecidas pola propia UE. Así, a solución proposta para esquivar esta focha é unha aplicación de verificación de idade baseada en zero-knowledge proofs; é dicir, un protocolo criptográfico.
Durante a presentación do borrador o xoves, o texto terá que dar resposta a catro cuestións principais: a idade límite; se se tratará dunha lei con prohibición directa ou nun réxime para controlar o deseño das plataformas; quen verifica a idade; e, finalmente, cales son as novas incorporacións respecto á vixente DSA.














