Un novo fito médico pon o foco, unha vez máis, na posibilidade de usar órganos animais para transplantalos a persoas: unha intervención no Hospital Xeral de Massachusetts (Boston) substituíu o ril do estadounidense Tim Andrews por un órgano de porco editado xeneticamente o 25 de xaneiro de 2025. Esta alternativa foi a solución para pór fin a unha enfermidade renal terminal e a un tempo de espera prolongado para o transplante de donantes falecidos, sen un donante vivo adecuado. Así, Andrews sobreviviu durante 271 días cun ril de porco ata que recibiu un transplante humano, converténdose no primeiro caso superado con éxito.
O xenotransplante —transplante dun animal a un ser humano— ofrece unha posible solución ás longas esperas en busca de órganos humanos pero, como aseguran os profesionais da intervención na revista científica The Lancet, aínda quedan preguntas por resolver: a durabilidade, o risco de infección zoonótica, e se a resposta inmunolóxica podería complicar o alotransplante —transplante entre individuos da mesma especie— posterior.
Con todo, os profesionais a cargo da operación trataron de solucionar estas incógnitas para evitar complicacións: elimináronse os principais xenoantíxenos glicanos do ril, inactivaron os retrovirus endóxenos porcinos e insertáronlle sete transxénicos humanos para poder adaptar o órgano como elemento dun transplante a persoa.
O proceso de estudo
Os investigadores detrás da intervención reportan que o xenoinxerto funcionou inmediatamente despois do transplante e mantivo a independencia durante nove meses. Unha biopsia catorce días despois localizou unha infección bacteriana non zoonótica que se solucionou con tratamento. Con todo, nun momento o ril de porco comezou a fallar a causa dunha inflamación microvascular e a formación de trombos dentro do órgano, levando ao fracaso do inxerto e a nefrectomía. Aínda así, non se detectaron os anticorpos habituais que adoitan destruír o transplante, houbo un mecanismo de inmunidade innata do organismo contra o tecido animal e descartouse unha infección transmitida polo órgano animal.
Tras retirar o ril e esperar 82 días para que o paciente se recuperara, recibiu, finalmente, o órgano dun donante humano. O novo ril comezou a funcionar sen problema de inmediato, sen rechazo nin problemas de sensibilización durante os 231 días de observación. Con este historial, os autores deste fito anuncian no artigo de The Lancet que “este caso amosa que o xenotransplante de ril porcino pode proporcionar soporte renal prolongado e suspenderse sen alosensibilización clinicamente significativa ou infección zoonótica”.
Referencia: Porcine kidney xenotransplantation as a bridge to allotransplantation: a first-in-human study (Publicado en The Lancet)














