Xoves 28 Marzo 2024

A fenda aberta co lobo: o debate que agocha as outras feridas rurais

As partes implicadas na controversia arredor da especie avogan polo diálogo para conxugar a conservación da mesma e a actividade gandeira

Podería parecer, pola intensidade que acadou o debate desde o ditame do  comité científico asesor do Goberno español, que o lobo é un dos principais problemas para a subsistencia do sector primario en Galicia. Mais alén do indiscutible dano causado polos ataques ao gando, que xera dificultades a numerosas familias, a polarización arredor da especie, a súa conservación ou a súa caza está a dificultar a análise sosegada que require a complexidade do asunto. Todas as voces consultadas, aínda que poidan diverxer nos seus matices, coinciden en avogar polo diálogo. Desbotan que o debate se vexa reducido a unha falsa dicotomía e, en todo caso, están a favor dun alto grao de protección da especie, un emblema nos ecosistemas ibéricos. E en todas as visións emerxe, por razóns diversas, unha percepción de que a fenda do lobo non é o problema máis serio que está afrontando o medio rural. Que está pasando, e que pasou, para chegar a este punto?

Que se aprobou en febreiro?

Un comité científico, órgano asesor do Goberno español na conservación da biodiversidade, emitiu a comezos de febreiro un ditame no que recomendaba de forma unánime a inclusión de todas as poboacións de lobo (Canis lupus) da península ibérica na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial. O mesmo ditame non recomendaba, ao mesmo tempo, a inclusión da especie no Catálogo Español de Especies Ameazadas, xa que a información dispoñible non era “concluínte”, a xuízo do comité, polas limitacións dos datos históricos sobre o tamaño da área de distribución da especie a comezos do século XX.

Publicidade

O ditame, non vinculante, someteuse a votación na Comisión Estatal para el Patrimonio Natural y de la Biodiversidad, na que están presentes o Ministerio para la Transición Ecológica (Miteco) e as comunidades autónomas. O Executivo non estaba obrigado a sometelo á decisión das autonomías (como pasou, por exemplo, cando contradiciu ao seu propio comité científico para rexeitar a catalogación do Eucalyptus globulus como especie exótica invasora en 2018), pero neste caso si o fixo. Foi unha votación axustada que amosou a fenda aberta entre os distintos territorios, os seus representantes e os seus intereses. As rexións onde se moven o 95% dos exemplares (Asturias, Castilla y León, Cantabria e Galicia), unidas a Madrid, País Vasco, Andalucía e Murcia, rexeitaron o incremento na protección, que levaría a un maior control da súa caza e, entre outras medidas, unhas sancións maiores para quen dea morte a un lobo. Aprobouse, por tanto, pola mínima, con nove votos a favor e oito en contra.

A medida, con todo, aínda non está en vigor, xa que é preciso que se aprobe unha orde ministerial que a sustente. Pero o debate está moi presente. Desde comezos de febreiro, o Goberno español, as comunidades autónomas e demais axentes aos que atinxe a decisión abriron un proceso de diálogo para poñer en marcha, entre outras medidas, a nova estratexia de xestión e conservación da especie.

Como se chegou a este ditame?

Calquera persoa física ou xurídica pode presentar, achegando a documentación e as evidencias pertinentes, unha solicitude para que este comité científico analice a situación dunha determinada especie. Neste caso, a petición partiu da Asociación para a Conservación do Lobo Ibérico (ASCEL). Despois de analizar a literatura científica e os datos achegados pola entidade solicitante e outros axentes, o comité aceptou a inclusión do lobo no réxime de protección especial, no que xa estaban as poboacións do animal ao sur do Douro, onde a súa presenza é moito menor.

A presenza do lobo e os danos no gando

Cal é a poboación do lobo en Galicia, cal é o número de ataques ao gando e como evolucionaron nos últimos anos? Son efectivas as batidas para reducir os danos no gando? É certo que o aumento de ataques é consecuencia de que as poboacións de lobo medran? As preguntas poden ser comúns, pero as respostas difiren en moitos casos.  Diversas voces insisten na necesidade de realizar análises das poboacións en maior profundidade e, consecuentemente, dispoñer de máis recursos para facelo.

Segundo os datos da Consellería de Medio Ambiente, o último censo, realizado entre 2013 e 2015, “estimou a existencia de 90 mandas reprodutoras de lobos, 14 de elas compartidas con outras comunidades e con Portugal”. Isto supón, segundo a Xunta, “un certo incremento” respecto a censos previos realizados entre 2001 e 2003, nos que se estimaba que unha poboación de 68 mandas, aínda que algunhas fontes aclaran que naquel caso non se tiñan en conta as poboacións compartidas con Asturias, León, Zamora e Portugal.

Estes estudos expoñen que a área de distribución do lobo en Galicia supón un 72,17% do territorio galego, cunha maior presenza Lugo e Ourense (un 79,8% e 79,4% respectivamente), e menor na Coruña (65,6%) e Pontevedra (55,4%). Ao sumar ás áreas de distribución os datos das áreas de campeo e presenza de mandas reprodutoras, calcúlase que esta supón un 94% del territorio galego, englobando a súa distribución a totalidade de Ourense, o 98% da provincia de Lugo, o 95% da Coruña e o 74% de Pontevedra. Disto extráese, segundo Medio Ambiente, que a presenza da especie é “xeneralizada” en Galicia.

No referente aos ataques, tamén segundo Medio Ambiente, nos últimos 10 anos producíronse un total de 9.839 avisos por danos causados por cánidos, que afectaron a 19.319 reses. As ovellas (10.380 exemplares), as vacas (4.893), os cabalos (2.252) e as cabras (1.794) son as especies afectadas.

Nun territorio intensamente modificado pola man do home como é Galicia, cun gran número de núcleos de poboación e paisaxe alterada polos usos agrícolas, gandeiros e forestais, a especie móvese, segundo Medio Ambiente, nun marco “favorecedor para a extensión do hábitat idóneo”. Isto conduce a que, como destaca a consellería, se dean as condicións establecidas na Directiva Hábitats “considerar o estado de conservación do lobo como favorable”.

Hai diferentes visións sobre os efectos que a caza, ou a ausencia dela, desencadea na gandería. Para Xabier Vázquez Pumariño, biólogo e socio da entidade ASCEL, cómpre prestar atención a fenómenos como a desestruturación das mandas de lobos por mor da caza dalgúns dos seus membros. “Para o lobo, cazar animais silvestres é máis complicado ca capturar exemplares de gando. Se a manda está estruturada, e non se ven na necesidade de achegarse a zonas poboadas, poden subsistir grazas a presas silvestres que capturan en grupo, porque é unha especie cun comportamento social moi marcado. O que pasa cando morre un membro clave da manda, como a femia alfa, é que os individuos máis novos non teñen un proceso de aprendizaxe de caza de presas silvestes, e entón precisan acudir ao gando”, explica. Con esta mesma lóxica, engade, “considérase que para que a redución de ataques ao gando sexa efectiva, precisaríase acabar con máis do 30% da poboación de lobos, algo que sería insostible e acabaría con eles”, segundo diversas investigacións realizadas nos últimos anos.

Ademais, engade que Vázquez Pumariño que cómpre tamén poñer o foco no feito de que “o problema non adoita ser un exemplar concreto, senón que o que adoita pasar é que unhas poucas explotacións acumulan a maioría dos ataques”.

Luis Eusebio Fidalgo, profesor da Facultade de Veterinaria da USC e vicepresidente da área cinexética da Federación Galega de Caza, non coincide con esta visión: “Parece claro que, se actuamos e eliminamos un exemplar que está causando danos nun lugar concreto, o problema redúcese”, expón. Nunha liña semellante manifestábase nun artigo publicado en Campo Galego o biólogo Pedro Alonso, especializado no estudo do cánido. A poboación dos depredadores non se auto-regula en momentos de escaseza, porque o ser humano repón sempre o estante onde o lobo selecciona os seus produtos de consumo”, opinaba Alonso, que ao tempo destacaba que estes problemas estanse a dar en ecosistemas fortemente alterados pola actividade humana.

Que opina a comunidade investigadora?

Como acontece con moitas cuestións nas que coliden de forma patente consideracións non só científicas, senón tamén económicas, ideolóxicas e socioculturais, as visións desde a perspectiva científica son diversas.

Días despois do ditame do comité científico, a organización ecoloxista WWF difundiu unha carta aberta en apoio á decisión do Goberno español, apoiada ata o momento por máis de 500 científicos e científicas entre os que están, no caso de Galicia, os catedráticos da USC Javier Guitián, Rubén Lois ou Rubén Retuerto, os profesores da UDC Marta Vila ou Alejandro Martínez, a catedrática da UVigo María Jesús Iglesias ou o profesor da mesma universidade, Alberto Velando. A carta, ademais, rexeitaba “as presións para que ese ditame non se teña en conta”, e reclamaban “que as decisións que afectan á conservación da natureza” se tomen en base a criterios científicos”. E pedían as Administracións implicadas que “traballen de forma coordinada e construtiva, baseándose sempre no mellor coñecemento científico dispoñible” para protexer a especie e pola coexistencia coa gandería extensiva e outras actividades tradicionais.

Pero este posicionamento non representa a todo o mundo da investigación. Luis Fidalgo considera que este ditame é “infundado”, “irreflexivo” e “pouco comprensible”. Apunta que “non se pode tomar unha decisión idéntica alá onde o lobo é unha especie vigorosa e abundante, cunha reprodución estable das mandas, que noutras áreas onde case non existe; o tratamento de xestión debe ser diferente”, explica Fidalgo.

Opina Fidalgo que “este non é un tema de caza si ou caza non; entre outras cousas, porque hai moito tempo que o lobo xa non é unha alimaña. É unha especie cinexética e, por tanto, protexida. Autorízanse moi poucas batidas, e só cando os danos que están causando os lobos son continuos e importantes nunha zona”, argumenta.

Nunha liña semellante maniféstase Alberto Marcos, biólogo que leva anos desenvolvendo censos sobre a poboación do lobo en áreas de Galicia e Asturias. “Eu estou totalmente en contra da caza do lobo por puro pracer, como creo que está a grandísima parte das persoas implicadas neste debate. Pero non creo que esta decisión sexa algo positivo. A forma na que se tomou a decisión vai xerar máis tensión social e maior malestar coa especie, e a gandería, unha vez máis, vai verse desprotexida por parte da Administración. É unha mostra máis de como se toman decisións desvinculándose da realidade do mundo rural”, expón Marcos.

En Campo Galego Pedro Alonso cualificaba o ditame de “imprudente”, expoñendo que “non vai supoñer unha mudanza positiva para esta especie”, xa que abriría, ao seu xuízo, a porta a máis caza furtiva.

Os excrementos de lobo son un dos sinais para o estudo da presenza do animal no territorio. Foto: R. Pan.
Os excrementos de lobo son un dos sinais para o estudo da presenza do animal no territorio. Foto: R. Pan.

Porta aberta á caza furtiva?

Nas últimas semanas, no marco do debate aberto sobre a especie, os axentes medioambientais da Xunta de Galicia constataron polo menos dous episodios de caza ilegal que lle causaron a morte a exemplares de lobo. “Cando ao sector se lle apreta, ás veces reacciona de forma agresiva”, di Alberto Marcos sobre os cazadores, un sector moi numeroso nos territorios nos que precisamente o lobo está máis presente e que, ao tempo, está moi vinculado á gandería.

“Atreveríame a dicir que é o ‘deporte’ máis practicado no mundo rural, mesmo por riba do fútbol. Todos os concellos de Galicia teñen, polo menos, unha sociedade cinexética federada”, expón Luis Eusebio Fidalgo. E dentro dun colectivo que engloba a decenas de miles de persoas, di, “hai de todo, como en todos lados” o que ás veces leva a que se produzan episodios de caza furtiva.

Os axentes medioambientais recoñecen que non se pode xeralizar sobre o colectivo. “Como en todo, depende dos grupos. Hai cuadrillas moi concienciadas, conscientes do valor do lobo para a biodiversidade e cun gran respecto por el, e hai outras nas que non se resisten a dispararlle en canto se lle pon a tiro”, conta un axente coñecedor da situación.

Non hai cifras concretas dos exemplares que se matan ben mediante disparos, ben por envelenamento, lazos, atropelos e outras prácticas en Galicia. No conxunto de España, o Censo do Lobo Ibérico e o Observatorio de Sustentabilidade estiman que en 2017 faleceron entre 500 e 650 exemplares nestes casos. En todo caso, desde a Consellería de Medio Ambiente da Xunta sosteñen que as situacións de caza furtiva son “anecdóticas e moi contadas”, aínda que non achegan datos concretos.

En relación a isto, desde a Asociación Profesional de Axentes Medioambientais e Forestais de Galicia (Aprafoga) solicitan máis medios por parte da Xunta de Galicia para controlar o furtivismo. “Sabemos que durante as tempadas de caza hai quen aproveita para cruzar a liña, pero non nos dotan de recursos suficientes para supervisar as batidas. Moitas das iniciativas facémolas a título particular, e iso é froito dun diálogo de moito tempo coas partes implicadas, pero non notamos o apoio suficiente desde a Xunta. Isto é unha mostra máis do desleixo ao que estamos sometidos no medio rural, e o que transcende é unha hipocrisía bastante grande arredor do tema desde as instancias superiores das Administracións”, apunta José Prendes, membro de Aprafoga e axente medioambiental desde 1994, que actualmente traballa na zona do Condado-Paradanta. Prendes lamenta a ausencia de directrices desde a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, tanto no traballo a prol da biodiversidade como na vixilancia, en concreto, en todo o referente ao lobo.

Supón isto o fin da caza en situacións concretas?

O ruído e a polarización sobre o tema ocultaron, do mesmo xeito, o alcance real da maior protección da especie. A pesar da polémica xerada polo acordo, o propio Ministerio para la Transición Ecológica non pecha a porta a que, en situacións excepcionais, se poidan facer batidas para eliminar animais que estean causando danos na gandería, aínda que para isto deberían establecerse cambios na lei. Nunha comparecencia o pasado 25 de febreiro no Senado, a ministra Teresa Ribera expuxo que, “cando a pesares das medidas preventivas (para evitar os danos na gandería) sigan existindo problemas de depredacións, poderán axilizarse os mecanismos de xestión das poboacións de lobo en base a criterios comúns que conten co suficiente respaldo legal e técnico tanto para as administracións involucradas como para os particulares”. É dicir, que se poderían autorizar batidas puntuais aínda estando presente a norma xeral da prohibición da caza.

Con todo, nos últimos anos, e alén das posibles mortes causadas pola caza ilegal, estábanse a autorizar en Galicia moi poucas accións de caza de lobo. En 2020 só se autorizou unha montaría, en 2019 unha batida, unha montaría e 11 esperas, e en 2018 unha batida e dúas montarías. Porén, non se abatiu ningún exemplar nestas accións autorizadas desde 2013, aínda que nalgúns casos se abateron cans que causaban ataques ao gando. Desde 2006 cazáronse de forma legal 17 individuos en total en Galicia.

Unha lobeta captada pola cámara de Francisco Javier Lema na Costa da Morte.
Unha lobeta captada pola cámara de Francisco Javier Lema na Costa da Morte.

A caza, única solución? Medidas de prevención?

“Se alguén entendeu que a única medida que se pon sobre a mesa é a de eliminar exemplares, é que non entendeu o problema; hai que ir máis alá. O lobo é unha especie fundamental para o ecosistema, pero o labor da gandería tamén é fundamental”, di Luis Eusebio Fidalgo. Para Alberto Marcos, “hai que facer un traballo de reeducación, porque vimos dunhas décadas nas que o ser humano non estaba habituado nalgunhas áreas da península a convivir co lobo. Afortunadamente, a especie recuperouse e evitouse a súa desaparición, que estivo realmente preto. Pero hai que actuar en consecuencia, e tomar as medidas precisas para que se poida desenvolver a gandería extensiva sen ter que padecer os ataques”, expón Marcos. “É máis, debemos esixir medidas de prevención; non podemos concibir que se fomente este tipo de gandería e se reciban axudas por ela e, ao mesmo tempo, non haxa ningún tipo de coidado fronte aos ataques. Isto tampouco pode ser. O risco cero nunca o hai, pero desde logo si que se pode reducir moito”, engade.

O problema, segundo coinciden as fontes consultadas, reside tamén nas dificultades das Administracións para dar resposta aos tempos e as necesidades nas que se manexa o medio rural. “Non pode ser que se tarden meses, e mesmo máis dun ano, en recibir as compensacións polos danos” dos cánidos, engade Luis Eusebio Fidalgo.

Este problema é especialmente grave en áreas como a serra do Xistral no norte de Lugo, unha das zonas con notoria presenza do lobo e que, ao mesmo tempo, acolle unha importante presenza de gando cabalar que se move libremente por un territorio amplo. “A quen primeiro ataca o lobo nestas áreas adoita ser aos cabalos, e especialmente ás crías. Isto afecta moito á recría. As axudas para prevención tampouco son todo o efectivas que deberían, e a isto hai que sumar o problema de que moitas veces non aparece o exemplar morto, o que dificulta que se obteñan as compensacións”, explica José Luís Guillín, veterinario da Asociación de Criadores de Cabalos de Pura Raza Galega (Puraga).

Neste punto, Xabier Vázquez Pumariño cre conveniente recuperar oficios e prácticas hoxe case desaparecidas, como o pastoreo, como unha opción máis para evitar danos. “Fálase de pastores eléctricos e de mastíns, que son medidas necesarias para reducir riscos, pero tamén habería que pensar por que hoxe xa non se paga por facer o oficio de pastor, e só hai gandeiros”, razoa. E engade que parte do problema reside tamén no “cambio radical na xestión do gando”.

É o lobo un gran problema para o medio rural?

Algunhas das mensaxes críticas cara a decisión do Goberno aluden a que estas medidas se toman cunha lóxica afastada da vida cotiá no medio rural. “Temos un problema de atención á gandería, e o sector está canso de sentirse desprotexido. Con isto non quere dicir que xustifique a quen non fai nada para evitar os ataques dos lobos e outros cánidos, pero moita xente está cansa de importar entre pouco ou nada ás Administracións”, opina o biólogo Alberto Marcos.

Neste sentido, Marcos tamén lamenta que o rebumbio arredor do lobo oculte o risco que corren outras especies en perigo, como a rula e visón europeos ou diversas especies de anfibios que están ameazadas e coas que apenas se están tomando medidas. “Non deixa de ser un síntoma máis do descoñecemento da nosa biodiversidade; que esteamos preto de perder unha especie como a rula europea, e que apenas se fale disto non deixa de ser un drama”, explica.

Xabier Vázquez Pumariño achega unha reflexión que move o foco. “O que herdamos hoxe é a ausencia de políticas para a protección da gandería tradicional; favoreceuse a explotación industrial e intensiva no marco dun sistema de libre comercio salvaxe no que moitos gandeiros saen perdendo”. É neste marco no que o lobo é, para el, un inimigo acaído para “crear unha falacia de falso dilema: ou lobo ou gandería; e isto non é así. Está claro que para a persoa á que o lobo lle mata de forma continua o seu gando, este é un problemón, pero este non é un problema xeneralizado no rural como ás veces se quere facer ver”.

Para Vázquez Pumariño, “toda a enerxía que se utiliza magnificando o ‘problema’ do lobo por parte dalgunhas Administracións, das patronais agrarias ou dos medios de comunicación non se utiliza, por exemplo, en levar a un gandeiro ao supermercado e intentar explicarlle como é posible que o seu traballo vale tan pouco. Pode que aí tamén se poidan atopar inimigos pero claro, non é tan sinxelo rebelarse contra os tratados de libre comercio. Botarlle a culpa ao lobo ou aos ecoloxistas, aos que se cataloga como inimigos dos gandeiros, é unha saída sinxela a un problema complexo. Apélase a un instinto básico para non afondar nas causas do declive económico, demográfico e ambiental do medio rural”, conclúe.

Abrir o diálogo

Á espera da orde ministerial que dea sustento ao ditame do comité científico, todas as partes avogan por achegar posturas. “O lobo e todo o que o rodea é un asunto moi delicado, e moitas veces opinamos non tanto coa razón como co corazón”, di Luis Eusebio Fidalgo. “Non é bo tensar a corda, e estase acentuando un enfrontamento entre dous bloques que non leva polo bo camiño. No medio hai unha gama ampla de grises que poden ser moi interesantes de abordar”, conclúe José Prendes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así afecta o eucalipto á biodiversidade na illa de Tambo

Un estudo coordinado por Adega demostra que as áreas de maior riqueza natural son nas que hai unha menor presenza de 'Eucalyptus globulus'

Un biológo galego gaña un premio internacional pola súa tese sobre a fauna do Sáhara e Sahel

André Vicente Liz estudou máis de 100 especies de vertebrados para desenvolver estratexias de conservación da biodiversidade

Restos de baleas atopados en Galicia corroboran a extinción de dúas especies do Atlántico

Unha investigación arqueolóxica reuniu mostras do 3500 a.C. ata o século XVIII no maior estudo de Europa sobre estes cetáceos

É a caza unha medida eficaz para controlar as poboacións de xabarís? Isto opinan os expertos

Algunhas voces apuntan que nunha emerxencia cinexética as batidas favorecen a reprodución do porco bravo