A ciberseguridade do futuro chega a Galicia coa primeira comunicación cuántica na UVigo

Un equipo de atlanTTic crea a primeira canle de comunicación imposible de descifrar utilizando as propiedades da física cuántica

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, da Universidade de Vigo está traballando para conseguir empregar as propiedades da física cuántica e lograr aumentar a seguridade das comunicacións. Nun contexto onde os ciberataques son cada vez máis frecuentes e a seguridade da información é máis importante, o proxecto acaba de conseguir un importante fito: a primeira canle de distribución cuántica de claves de toda Galicia.  

No marco do proxecto Qursa (QUantum-based ReSistant Architectures and Techniques), empregando tecnoloxías de base como a distribución cuántica de claves (QKD, Quantum Key Distribution, en inglés) e a criptografía avanzada, lograron implementar un enlace de comunicacións QKD conectando dous puntos do campus da Universidade de Vigo: a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o Centro de Datos da Biblioteca Central.

Publicidade

Garantir a seguridade nas comunicacións

A finalidade do proxecto Qursa é tratar de axudar a establecer unha base para a modernización e integración das tecnoloxías cuánticas nas redes de comunicación convencionais. “Para facelo, empregamos os sistemas QKD que envían sinais cuánticas a través dunha fibra e, mediante un protocolo de medida e comunicación, consegue distribuír de maneira completamente segura esas claves, que o emisor e receptor poden usar para cifrar as súas mensaxes e envialas sen que ninguén as poida descifrar”, explican desde o equipo do proxecto. 

Espérase que este primeiro gran logro sirva para fomentar o avance destas tecnoloxías por parte doutras institucións, e sitúe a atlanTTic e á UVigo como referentes neste ámbito.

Publicidade

Financiado polo Ministerio de Ciencia

O equipo de investigación de Qursa está formado polos investigadores principais e docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Ana Fernández Vilas e Manuel Fernández Veiga, e complétano a investigadora Rebeca P. Díaz Redondo e os investigadores contratados Mateo Blanco Rodríguez e David Pérez Castro. Durante todo o proceso contaron co apoio dos Servizos Informáticos da Biblioteca Central da UVigo, e especialmente de Miguel Polo. 

O proxecto Qursa botou a andar en xaneiro de 2023 financiado polo Programa de Transición Ecolóxica e Dixital do Ministerio de Ciencia e Innovación (MICIN). Coordinado desde a Universidade de Vigo por atlanTTic, desenvólvese en colaboración co Instituto Leonardo Torres Quevedo do CSIC e a Universidade Carlos III de Madrid. 


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo identifica as claves xenéticas da “adaptación evolutiva única” das píntegas das Illas Atlánticas

A UVigo participou na investigación, que achou que en dúas localizacións do parque nacional as femias dan a luz crías terrestres, en lugar de larvas acuáticas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Un novo mapa guía a valorización de subprodutos da industria agroalimentaria en Galicia e Portugal

A ferramenta, desenvolvida con participación da UVigo, emprega a IA para identificar recursos e detectar novas oportunidades de aproveitamento