Venres 29 Marzo 2024

“O castiñeiro é a árbore da cultura galega, aínda que o carballo sexa máis abundante”

A investigadora do Centro Forestal de Lourizán Josefa Fernández xubílase tras catro décadas de traballo e ser a primeira enxeñeira de montes de Galicia

Hai paixón na voz, e pena. Son máis de 40 anos, toda unha vida, dedicados á investigación. E unha chea de fitos no seu currículo como, por exemplo, ser a primeira enxeñeira de montes de Galicia e toda unha pioneira no estudo do castiñeiro dende múltiples vertentes. Esta figura non é outra que a de Josefa Fernández López, investigadora do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, do que agora se despide. A xubilación chama á porta tras varias décadas de traballo ben feito, de paixón e de pena. Pero queda aínda moito por facer, di Josefa. En materia de igualdade, de investigación e de coñecemento acerca do castiñeiro. Unha árbore que, para ela, forma parte indiscutible da identidade galega.

—Leva máis de catro décadas dedicada á investigación e, de feito, vostede é unha das primeiras enxeñeiras de montes de España.

Publicidade

—Si, creo que son a oitava enxeñeira de montes. Estudei na Universidade Politécnica de Madrid, pois aínda faltaban 25 anos para que abrira a primeira escola de Enxeñeiros de Montes de Galicia. De feito, creo que son a primeira enxeñeira de montes galega.

Imaxino que todos os seus compañeiros eran homes.

—Si, na escola de montes tiven unha compañeira de estudos nun grupo de 50 ou 60 persoas.

“Malia que no meu centro somos maioría mulleres, dificilmente chegamos ao poder necesario para cambiar obxectivos”

—Por sorte, cambiaron moito os tempos. O seu campo de estudo segue a ser un campo moi masculinizado? Cada vez hai máis mulleres investigadoras.

—Cando eu empecei a traballar en investigación, aquí en Lourizán, había algunha outra muller pero a maioría era masculina. As condicións laborais e persoais eran moi duras. Malia que no meu centro somos actualmente maioría mulleres, difícilmente acadamos algo do poder preciso para cambiar obxectivos e dirixir as nosas áreas de traballo. E dígoo eu, que fun titular ata o 13 de abril dunha xefatura de departamento. Por outra parte, a investigación foi un tema que quedou no segundo plano cando se crearon as autonomías. A Xunta de Galicia non chegou a establecer procedementos de acceso e promoción do persoal investigador. A día de hoxe, máis de 35 anos dende a autonomía, aínda non está solucionado. Ese é o motivo de que non haxa continuidade no programa de recursos xenéticos do castiñeiro, agora que me vou. Pasa o mesmo en otras liñas nos centros de investigación da AGACAL.

—Polo tanto, no tema de igualdade aínda queda moito por facer. 

—Queda todo. No campo forestal hai moi poucas directivas. En investigación, por definición, tes que abrir campos novos e adquirir coñecemento. Adquirilo supón que fas análises do sistemas que hai na actualidade, ou que había, porque eu levo nisto 44 anos. Tes que empezar por analizalos, criticalos, e despois propoñer novos programas de investigación e novas formas de facer as cousas. Se hai unha desvalorización do femenino nun centro con persoal predominantemente femenino vai haber dificultades para desenvolver técnicas novas e materiais novos. Eu estou especializada en recursos xenéticos forestais, empecei dende o principio nese tema. Estou moi centrada no castiñeiro como especie de múltiples aptitudes: como produtor de castaña (un tema non propiamente forestal), como recurso xenético natural e como produtor de madeira.

“QUeda todo por facer en temas de igualdade. No campo forestal hai moi poucas directivas”

—En Galicia hai toda unha cultura do castiñeiro. 

—Claro que é cultura. Eu empecei a traballar na introdución de especies americanas, concretamente no abeto Douglas, cunha bolsa produto dun convenio do Ministerio de Agricultura co Servizo Forestal dos Estados Unidos. Grazas a iso despraceime a varios sitios de Galicia como a Fonsagrada e o Barco de Valdeorras para establecer ensaios de procedencias. E alí, falando coa xente, empecei a coñecer que é iso da cultura do castiñeiro.

—En que anos desenvolveu eses estudos?

—Empecei a ter eses contactos a finais dos 70. A Fonsagrada foi o sitio onde o descubrín porque unha das persoas que traballaba comigo no monte, Manuel de Maderne, tiña unha cultura, unha linguaxe, a través da que coñecín o castiñeiro do norte da montaña oriental de Lugo, un cultivo moi baseado na variedade De Parede, produtora de boas vigas. Tamén houbo outros encontros en anos posteriores que foron definitivos para min, algúns por casualidade. Por exemplo, coñecín a Fidel de Rubiá, na comarca de Valdeorras, onde había os mellores soutos de toda Galicia, os máis evolucionados.

“despraceime a varios sitios de Galicia para establecer ensaios de procedencias E alí empecei a coñecer a cultura do castiñeiro”

—Que significa que fosen soutos evolucionados?

—En Valdeorras había un cultivo do castiñeiro moi centrado na produción de castaña fronte a outras situacións, como a da Fonsagrada ou Courel, onde había dobre vertente madeira-castaña. No caso de Valdeorras era un tipo de manexo do souto con poda en vaso, renovación de copas e dúas variedades principais, Negral e Raigona. En canto ao tema varietal empecei a ver que por todos os sitios por onde eu ía pasando, e a medida que a miña rede de contactos ía enchendo territorio, os relatos eran moi parecidos entre diferentes persoas de comarcas próximas. Iso si, había diferenzas nas denominación varietais e na orientación do cultivo entre diferentes zonas. Iso encheume moito. Cando puiden, entre 1982 e 1984 estiven moitos meses visitando as zonas de soutos. Empecei a recoller esa información de forma sistemática. Tardei uns anos en poder ter un proxecto para desenvolver esa liña. Actualmente, e ao longo de moitos anos, establecemos coleccións de xermoplasma de variedades de castiñeiro, fixemos caracterización, empregamos marcadores xenéticos para diferenciar as variedades e estudar as relacións de parentesco entre elas.

Os castiñeiros da Galicia atlántica, un refuxio xenético milenario

—Todo isto grazas ao traballo de campo que realizou nos 80?

—Si, ese foi o punto de partida. Chegou un momento no que contei con colaboradores e puiden dirixir proxectos. Tardei uns 10 anos en empezar a establecer a liña de traballo, foi cando cheguei a funcionaria. Iso permitiunos establecer métodos de propagación, un laboratorio de marcadores xenéticos e un viveiro onde multiplicar o material. Esas actividades dan lugar a coñecementos de tipo científico-técnico que as veces non esperabas.

“Cando puiden, entre 1982 e 1984 estiven moitos meses visitando as zonas de soutos”

—Como por exemplo?

—Atópaste co coñecemento. Acabas tendo non só unha aplicación de tipo práctico como o desenvolvemento de novas plantacións cun material identificado. Tamén atopas coñecemento novo. Por exemplo poder describir en que consiste a domesticación ou, doutro modo, en que se diferenza o castiñeiro bravo das variedades domesticadas.

—En que consiste a domesticación?

—Primeiro hai que poder identificar o que é o castiñeiro autóctono. Ese foi un tema no que traballamos bastante. Dende hai uns 24 anos estudamos as poboacións silvestres ibéricas a través de proxectos europeos, tamén poboacións das penínsulas italiana e grega. Con esa información e baseándonos en marcadores moleculares, pero tamén en ensaios de comportamento, puidemos participar na descrición da estrutura de orixe natural da especie Castanea sativa.

Xa sabiamos a partir dos estudos paleobotánicos que no norte da península houbo un refuxio durante o Pleistoceno. Nós identificamos poboacións que con gran probabilidade son orixinarias deses refuxios. Outra cousa son os soutos cultivados onde probablemente houbo unha manipulación e introdución de xermoplasma doutras zonas. Trátase de temas en discusión sobre os que estamos a publicar. É bastante evidente que a manipulación das poboacións para o cultivo ten grandes consecuencias. Diferéncianse as poboacións manipuladas nos soutos das poboacións naturais.

“Puidemos participar na descrición da estrutura de orixe natural da especie Castanea sativa”

Estamos definindo a síndrome de domesticación, que é o conxunto de características que diferenzan as variedades cultivadas e enxertadas das poboacións silvestres. Unha das características de moitas variedades é a esterilidade masculina, por exemplo, favorecendo a fertilidade feminina. Outra característica do material cultivado é a elevada diversidade interna fronte aos individuos de orixe natural. Estamos a escribir sobre eses temas neste momento.

O fungo que ataca o ourizo e podrece a castaña

—Entendo que todos estes avances tamén son moi importantes para facerlle fronte a todas as amezas ás que se enfronta o castiñeiro: a avespa, o cancro, os fungos… Cales son as repercusións económicas e que significa na identidade de Galicia?

—Dende logo, o castiñeiro á a árbore da cultura galega, aínda que o carballo sexa a especie máis abundante. No que respecta á cultura e ao coñemento, a nosa árbore é o castiñeiro. Os problemas do castiñeiro os últimos anos debense a que estamos nun período no que o movemento de persoas e de mercadurías se traduce en movemento de patóxenos de organismos, microorganismos, pragas, enfermidades… A todos os niveis e en todas as especies. E o castiñeiro é unha especie máis que está nesa situación.

Por exemplo, a enfermidade da tinta está ocasionada por un organismo de orixe asiática introducido na Península Ibérica despois das viaxes transoceánicas dos séculos XVI e XVII. O cancro tamén veu de Asia vía América e Italia. Aquí está presente dende hai máis de 70 anos, pero estoupou hai 30. Da Gnomoniopsis smithogilvyi, un fungo que apareceu o ano pasado, non se falaba ata hai cinco ou seis anos, que apareceu en Italia e Francia. Foron as mesmas zonas nas que apareceu primeiro a avespa. Aquí non se identificou ata hai ano e medio nunha mostra que enviamos ao centro Fitopatolóxico do Areeiro.

“Os problemas do castiñeiro  debense a un período no que o movemento de persoas e  mercadurías se traduce en movemento de patóxenos”

Os últimos anos tamén houbo danos importantes de antracnose, que é outro fungo que está aquí de sempre pero que tivo un impacto enorme os últimos anos debido ás condicións de humidade con calor, un impacto descoñecido. Nunca pasaron cousas como as que están a pasar. Hai que ir atacando as diferentes frontes e factores. Hai unha gran interese por parte da poboación.

—Está a castaña o suficientemente valorada como produto de consumo?

—O prezo para o consumidor subiu moitísimo. É un produto que hai 10 anos non chegaba a 2,5 euros. Estes últimos anos nos mercados hai castañas ata 6 ou 7 euros o kilo. Outra cousa é o prezo de venda ao produtor. De todas formas, o prezo ao produtor dos lotes moi bos, de moi boa calidade, son altos. O prezo pode estar entre 1,5 e 2,5 euros, incluso preto de 3 se a castaña é moi boa. Iso é un bo rendemento. O que pasa é que o prezo ao produtor é baixo en moitos casos. En Galicia apenas hai cooperativas de produtores de castaña. Pasa o contrario que en Estremadura e Andalucía, que con superficies moi inferiores, teñen unha organización en cooperativas que manexan o prezo como consideran oportuno.

“O prezo da castaña para o consumidor subiu moitísimo”

—A meirande parte da súa carreira profesional desenvolveuse en Lourizán. Que balance fai destas catro décadas dedicada á investigación?

—O balance fágoo no tema de coñecemento, da oportunidade de traballar con coleccións de xermoplasma amplas como as que creei eu, aínda que algunha a herdei. As coleccións de xermoplasma son a fonte da agricultura. No tema do castiñeiro, as coleccións principais son tres: as variedades tradicionais, procedentes das seleccións tradicionais, un material que hai que ter e temos reunido. Por outra parte está a herdanza dos híbridos dos programas de mellora desenvoltos en Galicia a mediados do século XX; fundamentalmente o programa de Pedro Urquijo na Coruña e o traballo feito en Lourizán coa Misión Biolóxica de Galicia. É un material que ten caracteísticas de resistencia a gran parte dos patóxenos que nos asolan: tinta, cancro, avespa… Incluso a antracnose, en xeral. E despois unha última colección de xermoplasma que é unha colección que creamos hai uns 10 anos: árbores superiores de C. sativa para madeira seleccionados para toda Galicia.

Esas coleccións caracterizadas ofrecen a oportunidade de facer innovacións a través de mellora xenética tras a súa descrición en diferentes características e a combinación mediante cruces controlados para combinar características de interés. O obxectivo da mellora, sexa de portaenxertos ou de materiais de reproducción para madeira, é a mellora da C. sativa, que é a especie que ten a calidade tanto no froito como na madeira. A hibridación ten como obxectivo introducirlle tolerancia a axentes bióticos daniños como a tinta, o cancro, a avespa en novos individuos cunha ancestría mínima nos castiñeiros asiáticos.

A medio e longo prazo o máis importante son as coleccións e a súa caracterización, a súa conservación da forma apropiada. É unha riqueza para a cultura do castiñeiro en Galicia. Ao facer cruzamentos e analizar ensaios con métodos complexos adquirese coñecemento sobre a bioloxía do castiñeiro, de como é a herdanza das diferentes características, por exemplo da resistencia a enfermidade da tinta. Tamén hai resultados acerca de se os métodos de propagación vexetativa empregados son apropiados ou non. Creo que é unha fonte de coñecemento moi importante e dáme moita pena apartarme de todo isto.

“A hibridación ten como obxectivo introducirlle tolerancia a axentes bióticos daniños como a tinta ou o cancro”

—Cales cre que son os desafíos aos que nos enfrontamos en canto á investigación acerca do castiñeiro?

—Pódense establecer dous niveis: un nivel inmediato, para achegar información destinada á solución dos problemas existentes nas plantacións actuais e un segundo nivel con repercusións a medio e longo prazo.

Sobre os problemas inmediatos creo que o máis importante nas novas plantacións destinadas á produción de castaña son os patróns híbridos resistentes á enfermidade da tinta. Hai algún clon en uso, o H-S, que é claramente incompatible coas variedades de C. sativa. As árboles non producen e acaban morrendo. Hai tamén problemas de inadaptación no interior de Galicia. Tamén hai clons que están a funcionar ben. A solución buscámola na creación de novos híbridos, creados por polinizacións controladas de variedades de C. sativa con híbridos resistentes á enfermidade da tinta e compatibles ó enxerto. No Centro de Lourizán comezamos esta liña en 2015. Temos bos resultados. Pero o desafío é que a partir do 13 de abril do 2022, non hai continuidade no tema no Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Os investigadores que me acompañaron os últimos 10 anos, que manexan as ferramentas para desenvolvelo proxecto, non están contratados. Espero que se solucione. A irregularidade no financiamento do proxecto é outra eiva para o seu desenvolvemento, pois non se pode decir que este proxecto leve seis anos medrando. Hai seis anos que o comezamos.

“A irregularidade no financiamento do proxecto é unha eiva para o seu desenvolvemento”

A medio e longo prazo o importante son as coleccións de xermoplasma. Hai que mellorar a caracterización por tolerancias e características relacionados cos valores de uso e adaptacións. Por exemplo, a tolerancia ao cancro é importante. Tamén é importante aprender a manexar as diferentes características no programa de mellora, aprendendo como é o seu control xenético. Por exemplo a resistencia á enfermidade da tinta é unha característica que non é dificil de conseguir a través da mellora xenética por hibridación interespecífica porque ten un control xenético aditivo e os proxenitores tolerantes producen proxenies que na sua meirande parte son tolerantes.

Creo que tamén hai desafíos ligados á creación de novos soutos con variedades híbridas (clon 90044 ou Bouche de Betizac), coa simplificación varietal excesiva, mesmo con variedades de C. sativa como a Judía. Tamén se deberá considerar a inadaptación de variedades de C. sativa cando se cultivan en zonas moi diferentes ás zonas de cultivo tradicional e que para producir teñen que ser tratadas con productos químicos. As repercusións pasan pola perda de variedades locais de moito interese e por un mercado da castaña marcado pola valoración unicamente da castaña grande. Os consumidores non comemos as castañas como se fosen mazás, interésanos que pelen ben, que sexan doces e sás. Hai produtores que defenden variedades locais. Espero que teñan éxito cos seus produtos.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

3 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia

O aire en Europa é o máis seco dos últimos 400 anos

Unha investigación demostra que, desde principios do século XXI, se está a producir un desecamento xeralizado debido á actividade humana

Identificada unha proteína esencial na regulación da obesidade

Un estudo do CSIC descobre que Dido1 ten unha función clave no desenvolvemento do tecido adiposo

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento